Taboleiro: Novas

CAFÉ & CHURROS: ´Cousas do Kulechov´, a máis sabedora delicatesen do 2006!

22-06-2007 

Desta quenda a Axencia do Audiovisual Galega ponse de gala servíndolle a vostede o Café & Churros máis selecto e refinado. Volve a este espazo de divulgación a nosa ben querida María Gondar quen hoxe afronta o comentario da curtametraxe de Cousas do Kulechov como se fora “a maior experiencia visual da produción galega do 2006”.

I

A culpa a ten o gato negro do Kulechov. Si aquel michiño que un día lle remexeu unhas fotos no estudio do mestre e este cando intentou ordenalas descubriu que algunhas imaxes en distinto orde cobraban distintos significados. Era unha fría mañá do inverno moscovita e no camiño esvaradío cara a Escola de Cinema pensou no que acababa de ocorrer. Xa na clase comezou a disertar sobre a montaxe e a teorizar sobre os inesperados resultados da desfeita do seu gato. Miguelito Einsenstein, Vsevolodito Pudovkin, Xandrito Dovjenko –alumnos destacados da promoción- ficaron obnubilados pola revelación do vello mestre. Foi Miguel que afondou no legado do Kulechov derivándoo na "montaxe de atraccións". As súas teorías foron experimentadas nos seus filmes que trataban sobre un barco de guerra, unha gleve e sobre un outono conflictivo. Nestas producións colaborou con outro Miguel, de apelido Kaufman, irmán dun que se denominou asimesmo como Vertov que, tamén, era proclive a esbardallar co que el chamaba "Cine-ollo". Mais había un terceiro Kaufmann que a finais dos anos 20 percorreu cinematografías nacionais de media Europa chegando a colaborar con Jean Vigo e con Walter Ruttman nas súas Sinfonías das cidades. En Alemaña o "Kaufmann errante" entrou en contacto cun colega, un experimentado fotógrafo que respondía ao nome de Heinrich Gaërtner e digo respondía porque cando fuxiu para España e Portugal pasouse a chamar Enrique Guarner. Este personaxe deixou constancia do seu saber por as máis senlleiras producións das dictaduras peninsulares. Na maioría delas tamén participou como axudante un mozo que se chamaba Aurelio Rei que era galego. Aurelio gustaba do cinema e inculcoulle o devezo pola sétima arte a súa neta, Susana Rei, directora, ao final, das Cousas do Kulechov.

II

Hai algún incrédulo que simplemente con ler o anterior parágrafo xa debe estar xurando en arameo diante do seu último e flamante número de Cahiers. Non se me escandalicen… Mais eu reafírmome, como non... A árbore xenealóxica que acabo de ilustrar é a verdadeira liñaxe de Cousas do Kulechov. Mais o obxectivo de sinalar ese fío histórico non é simplemente para apuntar, cal detective, de onde veñen as Cousas do Kulechov. O relato anteriormente exposto sirve como modelo textual do que sinte o espectador vendo esta curta. Se os meus maladros compañeiros da crítica sentiron incredulidade sobre o inicio desta composición un distanciamento parecido sofren os espectadores que afrontaron o visionado deste filme. A composición da liñaxe foi estructurada a través de feitos verdadeiros, os máis, e algúns, os menos, ficticios. Mais uns e outros foron encaixados cun sentido discursivo para defender o significado total. E neste punto vamos ao fondo da cuestión: como distintos textos (imaxes, datos históricos, sons,…) poden manipularse segundo a vontade do creador para dar ao lector (espectador) a impresión de que está a ler (ver) unha cousa diferente.

III

Buff!!! –diredes-, pois si –digo eu-, con inmensa proposta atopamos, coa maior experiencia visual da produción galega do 2006. Prometinme a min mesma, nun verdadeiro acto de autocontrol cognoscitivo, que sería pouco dada a adxectivos grandilocuentes nesta crítica mais que nada porque senón o discurso poderíaseme escapar das mans. Por tanto, escollo a vía da moderación e darlle algo de organicidade a este comentario. Mais unha cousa é o que se pensa e outro o que se fai. A crítica, tal como dicía Baudeliere, "ten que ser xusta, parcial, apaixonada e política para abrir os máximos horizontes". Pois se o dixo Baudelaire eu non son quen de levarlle a contraria, non é?

IV

Seguindo unha valoración "xusta" tería que dicir que en as Cousas do Kulechov hai parámetros que non gustan (metraxe, música…). Vale si, e qué? Entón estádesme a dicir que por eses lastres xa non é esa obra mestra que eu proclamo? Pois eu mantéñome no meu espírito laudatorio e considero a esta curtametraxe como a cimera do audiovisual galego seguido, de cerca, iso si, de Bs. As. de Alberte Pagán. Outra vez os teóricos extremistas estarán patelexando… Pois que patalexen… A reflexión sobre a imaxe que nos propón Susana Rei está a mesma altura que a perspectiva materialista e física de Pagán. Mais a virtude das Cousas do Kulechov e que esas derivacións ontolóxicas as fai desde dentro, desde a tradición, desde os palimpsestos, desde o emprego do imaxinario de todos nós. Susana Rei sabe de que pe coxeamos e perverte o seu discurso ata tres veces para abandonarnos a nosa cegueira. Así mentres Pagán nos propón unha experiencia centrípeta, ensimesmada, Rei nos propón o contrario, unha obra que centrifuga cara o exterior abranguéndoo todo.

V

Un comentario "parcial"… Pois claro que son parcial, unha crítica é algo subxectivo e todo está condicionado. Mais si, hai que falar de miradas sobre as cousas. En como nos contan as cousas e xa non só as do Kulechov senón todo o que nos entran polos nosos oídos ou pola vista. Susana Rei fai un filme de tese sobre a manipulación dos medios, destripa con extraordinaria eficiencia as diferencias e a ambigüidade entre a verdade e a mentira. A directora convértese nunha auténtica taxidermista e procede a distinguir entre o envoltorio e o de dentro, entre a forma e o contido. Detrás destes escasos vinte minutos hai unha apoloxía da forma, da estructura, do sentido, da interpretación e do contexto. Susana Rei fai un documental ficcionado violentando todas as formas visuais que lle deu por clasificar o pobriño de Bordwell. Mais Susana Rei non pretende vilipendiar e escarmentar o linguaxe senón a utilización que deste fan os medios de comunicación e avisar ao cidadán do desamparado que se atopa ante os profesionais da manipulación informativa. Por certo, e en colación, eu estou nun medio polo tanto non me fagan caso, mais tampouco quero que crean as miñas verbas dogmáticas eu so pretendo que dubiden, a dúbida e a alerta é o máis saudábel dunha sociedade.

VI

Mais aínda hai sitio pola "paixón"… iso sempre! Falar co corazón na man é falar do mecanismo creativo máis implacábel que existe, o mundo das imaxes. Así, cando Miguelito -lembremos, o discípulo de Kuslechov-, sinalaba que a imaxe en movemento era como un tractor quedábase moi corto. O audiovisual pode con todo, sentimentos, crenzas, países, civilizacións… Tal como lembra Susana Rei, Lev Vladimirovich Kulechov sinala ao montaxe audiovisual como a arma máis definitoria de poder no mundo ou senón que llo digan aos socios que cohabitan na Xunta. Cousas de Kulechov é un dispositivo no que un documental sobre feitos festivos da Galiza tórnase en paisaxes apocalípticos pola invasión dunha potencia estranxeira. Un noticiario do terror e das friccións bélicas humanas á maneira de Tierra de España (1937) de Joris Ivens cun Anxo Quintela emulando á voz over de Orson Welles e de Ernest Hemingwey. Polo exposto estamos no ronsel diso de que se deu en chamar "fakes", en homenaxe a obra mestra de Welles, Fraude (Fake, 1973). Este esquema ultimamente está bastante transitado incluso no audiovisual galego coa curtametraxe Premio de Eva Quintas Froufe. Mais a verdade é que ultimamente están perdendo a gracia, porque será? será porque na actualidade dominan moito os fakes non recoñecidos?

VII

Si, xa sei, queda a visión "política"… Pois se despois de todo o exposto non se poden sacar derivacións políticas apaga e a outra cousa… Sobra dicir que Cousas do Kulechov é moito máis intelixente e sorprendente que filmes na liña de Cortina de humo (1993) de Barry Levison. Os gobernos e as empresas tenden a facernos crer as súas máximas condicionadoras. O audiovisual permite facer crer en mundos marabillosos e solaparnos información da realidade para vivir prisioneiros dos sentidos dos máis maléficos montaxes visuais.

Ven como tiña razón… A culpa de todo a ten o gato negro do Kulechov!

(p.N.)

María GONDAR

COUSAS DO KULECHOV (2006) (Susana Rei Crespo)
Todos os CAFÉ & CHURROS

  •  

Comentarios

boris - 22-06-2007 - 05:29:44h

Non che hai coma as clasicos rusos/ soviéticos. Magnífica miniatura!\r\nMaría, ti si que vales...

willard (ghrelo@yahoo.es) - 22-06-2007 - 01:20:44h

A crítica esta orixinal. Xa teño gañas de ver esta curta. O que non me gustou nada é que se meteran cos que leemos Cahiers du cinema. Creo que é unha grande revista!

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade