Taboleiro: Novas

CAFÉ&CHURROS: ´A meiga chuchona´, obra mestra da animación galega.

04-04-2007 

Na Axencia Audiovisual Galega temos o privilexio de ser dos primeiros en botarlle un ollo ás producións galegas. Moitas veces énchenos de entusiasmo atopar pequenas xoias do noso audiovisual polo que nos gustaría facernos eco destas agradábeis impresións. Por iso, dentro das novas da web, abrimos esta sección de Café&Churros e o primeiro comentario o realizamos sobre A meiga chuchona de Pablo Millán.

Seguro que o nome de Pablo Millán xa sona con forza dentro do audiovisual galego. Del é esa curta titulada O conxuro que xa gañou varios premios en Galicia e no estranxeiro. O seu nome pódese sumar a esa lista de mozos que están traballando no campo de animación de xeito admirábel; Juan Pablo Etxeverry, Darío Fernández, Jorge Morais Velle, Luis Fernández Santiago, David Rubín… Unha xeración extraordinaria que está dando uns froitos interesantes e do que se agardan cousas moito máis ambiciosas nos vindeiros anos se a industria segue confiando neles como o está comezando a facer.

A meiga chuchona é unha curta de animación realizada coa axuda que a Consellaría de Cultura e Deporte lle concede aos "creadores individuais". A súa duración non chega aos 10 minutos. Ten unha narración guiada por un voz over, un narrador frío e neutro que escapa de tons sentimentaloides e enfáticos. A historia afonda na cultura galega tradicional; os relatos orais, as crenzas populares, o mundo dos meigallos,… Este mundo máxico –que inspirou, de igual xeito, a Fole ou a Cunqueiro (entre outros)- é tratado dunha maneira seria, sen concesións ao público infantil. Porén, a curtametraxe manéxase nun discurso cuns parámetros que parecen saídos de xéneros "adultos"; como pode ser o suspense ou incluso o terror. Un tratamento que fai que a cultura galega pegue un chimpo descomunal. O proceso artístico desenvolvido por Millán coloca a este relato galego á mesma altura que as fábulas das culturas do norte de Europa transmitidas, para todo o mundo, pola literatura, música ou cinema creado desde eses países.

A este posicionamento hai que por en paralelo a estética que manexou o seu creador. Por un momento parece que volvemos a disfrutar das xoias de animación da escola checa, dos filmes de mestres como Jiry Trnka, Hermina Tyrlova, Eduard Hoffman, Jiry Brdecka… A concepción artística da animación desta curta vai alén dunha estética retro, manexa con habilidade a conxunción de materiais híbridos, a medio camiño entre a imaxe en 2D, diferencia texturas, movementos semellantes aos de marionetas e elementos de imaxe real. Esta conxugación entre tradición e modernidade -tanto na forma como no contido- fai que o resultado sexa moi atractivo e suxerinte.

Mais a excelencia d´A meiga chuchona non reside nas argumentacións realizadas ata o de agora senón que atopamos a un personaxe, o da meiga, inmenso, que se desfai nun conflicto existencial entre facer o ben e o mal. A meiga é o fin do relato, o fin da viaxe, o fin dunhas crenzas, o fin dun mundo, o fin dun tempo… Un personaxe transcendental e conclusivo, "máis grande ca vida", parello ao Kurtz d´O corazón en tebras de Conrad. A meiga prefire que lle chegue dunha vez por todas a súa morte xa que está cansa de seguir facendo dano.

Desde a Axencia Audiovisual Galega queremos dar os nosos parabéns a Pablo Millán!!!

Comentarios

JJ - 31-07-2007 - 11:02:38h

Estou con Abelardo, é do mellor que se produxo en galiza dende fai tempo. Pablo estou intentando seguir a túa traxectoria e dende logo é moi boa. \r\nSaúdos tamén ó seu equipo, que debe ser igual de xenial...

abelardo rendo (abelardorr@eresmas.com) - 08-07-2007 - 07:11:30h

"a meiga chuchona" e do mellor que vin, no so da animación galega, se non do mundo mundial. Se hai que defenir dalgún xeito o audiovisual galego, "a meiga chuchona" é o exemplo perfecto.Noraboa a Pablo Millán e ao seu equipo por esta pequena xoia. Un saudo

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade