01-09-2008 O Festival Brincadeira´08 converteuse en referente. Os pasados días 8 e 9 de Agosto, a vila de Ordes inundouse de xentes, de músicas, de brincos, de VideoClips, de novas tendencias..., e de bo ambiente en xeral. Preto de 15.000 persoas, chegadas dende diferentes puntos de Galicia e do Estado, disfrutaron coa maxia do Festival Brincadeira, que xa promete aumentar inda máis a oferta cultural de cara a 2009.
O Certame de VideoClips, apoiado pola Axencia Audiovisual Galega e a Dirección Xeral de Comunicación, sorprendeu ata aos propios organizadores. Presentáronse máis de 100 pezas, das que 20 foron seleccionadas como finalistas, e o alto nivel dos traballos chamou a atención dos propios membros do xurado. O VideoClip gañador foi "Pornografía", dirixido por Joaquín León de Celis (Sevilla) e musicado polo grupo Trisfe, seguido de cerca por "Mal Alcor", de Ferrán Calvó (Barcelona), coa música de Le Petit Ramón, que quedou de segundo. O terceiro premio foi parar a "Calamar", VideoClip do conxunto galego The Homens presentado ao certame por Falcatruada.