O documental repasa as diferencias que existen entre os límites administrativos de Galicia e os sociolingüísticos. Sen chegar a tomar partido sobre a galeguidade dos territorios asturianos, leoneses ou portugueses que arrodean a fronteira autonómica, a película reflexiona sobre como a lingua e a cultura son alleas ás divisións políticas e sobre como un concepto tan difuso como a identidade se estende a través delas.
ArgumentoO documental, escrito e dirixido por Rubén Pardiñas trata sobre as fronteiras sociolingüísticas de Galicia no Eo-Navia (Asturias), O Bierzo (León), As Portelas (Zamora) e Portugal. Foi producido por Pasacana Films e patrocinado por AVID Technology.
Recóllense nel declaracións de políticos como Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga ou Maurício Castro, e tamén de escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Lluís Álvarez ou Xavier Frías Conde. Destacados filólogos, como Francisco Fernández Rei ou Xosé Lluís García Arias tamén aportan o seu punto de vista, ademáis dos presidentes da Real Academia Galega e da Academia de la Llingua Asturiana, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Ana Cano.
Doutra banda, o filme inclúe entrevistas ós habitantes de vilas como Vilafranca do Bierzo (León), Ibias (Asturias) ou Castro Laboreiro (Portugal), cuxa decisión sobre a súa propia identidade "debe primar ante todo á hora de definilo", di Pardiñas. O director explica como "neste grupo, hai de todo, dende o que razoa que el é castelán falando nun galego impecable ata o que reclama a anexión a Galicia".
A cuestión principal que Fronteiras presenta é que aínda que as fronteiras administrativas xa están fixadas e poucos as discuten, os límites culturais son difusos e están no centro do debate, tanto para os intelectuais como para a xente que vive entre dúas terras. "Sen tomar partido por ningunha opción, nós queremos reflectir ese debate", afirma o seu director Rubén Pardiñas.
Premio AvidHoc "Xpréssate en Tui" ao mellor proxecto documental no II Festival Internacional de Documentais de Tui Play-Doc 2006.
Música: Os Resentidos, A Banda de Poi, Siniestro Total.
Idiomas de gravación: Galego, asturiano, portugués, castelán