TECENDO O FÍO DA MEMORIA (2006)

Equipo técnico

Outros datos

  • Formato:  Curtametraxe
  • Xénero: Historia e Biografía
  • Modalidade:  Documental
  • Convocatoria:  Producción
  • Formato gravación: DV Cam
  • Duración: 14 min
  • Idioma gravación / Rodaxe:  Galego
  • Orzamento:  10.400€
  • Subvención concedida:  4.500€
  • Ano de produción:  2006
  • Ano de subvención:  2006
  • Email: visualimplicada@hotmail.com
   Descrición

O documental Tecendo o fío da memoria transpórtanos ao testemuño máis escurecido da represión franquista: a voz das mulleres. Este proxecto pretende traer ao presente un pasado recente e doloroso daquelas que ata o momento non tiveron a posibilidade de ser recoñecidas pola historia. Porén, non é este un proxecto que se centre na reminiscencia dun pasado senón que pretende coselo a un futuro manifesto na voz de catro poetas actuais, herdeiras das loitas de tantas outras mulleres no pasado, e unidas a estas polo territorio. A poesía de María do Cebreiro, María Lado, Marga Romero e Marta Dacosta servirá de fío condutor ás narracións de catro mulleres vítimas da represión dos Ancares, a Costa da Morte, Tui e Cesantes-San Simón.

Así, Tecendo o fío da memoria busca crear un espazo visual poético que vincule os tres elementos antes mencionados: a recuperación da memoria histórica das mulleres, o propio espazo territorial e o presente a través da poesía. Entre as voces do pasado agromará a memoria materializada no territorio e na poesía a través dun tratamento visual de sensibilidade actual.

   Argumento

Tecendo o fío da memoria comeza cunha breve introdución que presenta as ideas centrais do documental: por unha banda o obxectivo de recuperar as voces das mulleres vítimas da represión franquista e pola outra vinculalas co territorio e coa poesía que será voz da actualidade. Esta introdución centrarase na dobre represión á que se viron sometidas as mulleres durante a Guerra Civil e no franquismo, por unha banda ás formas de represión específicas (cárcere e traballos forzados, represión de todos os dereitos adquiridos durante a República, etc) e pola outra o silenciamento posterior das súas historias. Para esta introdución utilizarase unha combinación de imaxes dos momentos históricos aos que se refire o documental e de imaxes de actualidade dos territorios das protagonistas.

A partir deste momento o traballo divídese en catro bloques ou capítulos, cada un deles dedicado a un territorio concreto no que as poetas e as mulleres entrevistadas e o espazo físico establecen un diálogo a tres bandas.

Cada un dos capítulos referirase a cada unha das seguintes zonas: Ancares, Cesantes-San Simón, Costa da Morte e Tui. En cada un deles a voz dunha das mulleres vítimas da represión nesta zona entretecerase coa da poeta elixida para cada lugar (María do Cebreiro, Marta Dacosta, María Lado e Marga Romero respectivamente). Así, a narración da situación histórica e persoal en cada un dos lugares naqueles anos combinarase coa homenaxe actual do poema, que se irá intercalando entre as entrevistas con referencias visuais claras ao territorio en cuestión.

   Localización

Ancares ,Tui, Costa da Morte, Cesantes-San Simón

   Observacións

Entregado na Axencia Audiovisual Galega

    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade