Curtametraxe de animación en 3D que trata en tono de metáfora paródica a batalla desigual que se está a desenvolver entre o mundo figurativo tradicional (representado polos familiares trebellos de papelería, e a realidades virtual e dixital (representada polos temibles ratos de ordenador que todo o arrasan) .
A curta remata cun final sorpresivo que implica unha crítica ó mundo da enganosa e materialista publicidade televisiva, que non dubida en manipular as emocións humanas para acada-los seus obxectivos.
A película conta cunha importante banda sonora composta polo propio director, quen vai conducindo ao espectador a través das diferentes fases emotivas da acción.
A nivel técnico e artístico, o desafío máis grande consiste en caracterizar mediante movementos e actitudes pseudohumanas identificables polo público as diferentes tipoloxías e lugares dramáticos (heroe, vilán, vítima, mentor, etc.) desenvoltas por cada un dos personaxes-obxeto (cera, pincel, lápices, etc.)
O mundo dos trebellos de papelería é feliz e cheo de cor: os lapiceiros, ceras, pinceis etc. debuxan despreocupados paisaxes de ríos, prados e frores cando de súpeto o chan ponse a tremer e no horizonte enxérgase unha xigantesca e pavorosa mancha gris que converte en liñas e números todo o que atopa ó seu paso: son os ratos de ordenador, e ameazan con destrui-lo mundo figurativo.
O choque é inevitable, e o bando dos lapiceiros e demais trebellos tradicionais de papelería desprega tódolos seus efectivos nun impresionante desfile no que se nos presentan os diferentes personaxes en formación militar: os lapis-lanceiros, os soldados-ceras, a garda de rotuladores, os pinceis-xenerais, todos canda as tropas de apoio: tinteiros, afíalapis e gomas, e avanzando a paso marcial cara ó campo de batalla.
O bando dos lapis colócase nun extremo do escenario coas puntas ollando ó alto, en posición vertical, coma se fosen lanzas. Ó lonxe, albíscase o exército de ratos reptando polo chan a toda velocidade como anguías avanzando ao chou. Cando estes se atopan a poucos metros, os lapis, de maneira sincronizada, colócanse en horizontal, apuntando directamente aos ratos, semellando un exército de lanceiros, dispostos xa para a batalla.
Será aquí cando se produza o primeiro encontro real entre estes dous mundos contrapostos. Os ratos avanzan sen apenas dificultade, malia os esforzos que fai o bando contrario para dete–lo seu avance, atropelando a todo lapis e rotulador que atopan ao seu paso.
O bando dos lapis reagrúpanse e fai un derradeiro intento para conter aos todopoderosos roedores, e, xusto antes do encontro final, aparece unha luz cegadora, un lampexo no alto… Vese entón descender de xeito inesperado unha figura divina, en forma de man, que reconciliará ámbalas dúas partes; man que domina a ambos bandos, e á que estes deben obediencia e fidelidade eterna. A "luminosa" e humorística man, tocada cun triangulo e un aro na súa parte superior demostra que a paz é posible grazas a unión e a fusión entre os dous reinos seica irreconciliables nun híbrido de ambos, na forma de táboa gráfica. Cando os lapis e os ratos, fitándoa, semellan prostrarse e facer unha reverencia ante ela, vemos aparecer, repentina e intermitentemente, uns carteis en primeiros plano, anunciando as prestacións da devandita tableta gráfica, trocando así o tono épico e sublime que caracterizara durante todo o tempo á historia nun grotesco e enganoso anuncio.
Animación.