Alén de loitas perdidas

Equipo técnico

Outros datos

  • Formato:  Longametraxe
  • Modalidade:  Ficción
  • Convocatoria:  Guion
  • Subvención concedida:  2.100€
  • Ano de subvención:  2005
  • Email: pardinhas@pasacanafilms.com
   Descrición

Alén de loitas perdidas non é un biopic sobre Castelao, nin sobre Freire Cela, o personaxe ficticio que o acompaña ao longo de boa parte da historia. Tampouco quere ser unha visión totalizadora da vertixinosa época que Galicia, España, e o mundo enteiro viviron durante a primeira metade do século XX. Aínda que moitos destes importantes acontecementos reais xogan o seu papel na ficción, non deben funcionar máis que coma un marco –moi axeitado, iso si- ás cuestións protagonistas desenvolvidas no guión. Estas poden resumirse nun tema principal: o conflito entre compromiso político e liberdade artística.    
A dicotomía entre ideoloxía e arte produce controversia dende hai tempo. Moitos movementos e doctrinas ao longo da historia recente estableceron estreitas ligazóns entre as dúas esferas: a Revolución Soviética, o Nazismo, a Vangarda... Tamén nas orixes do galeguismo arte e política misturábanse na vida e na obra de multitude de intelectuais, en grande medida debido á poderosa influencia que sobre eles exercía o ideario de Castelao. De feito, a figura de Castelao exemplifica coma ningunha outra –galega ou de fóra- a fusión de arte e política nunha mesma persoa, acadando o rianxeiro igual prestixio en ámbalas dúas facetas. Poderiamos dicir que en Alén de loitas perdidas o personaxe de DANIEL representa os momentos en que o Castelao real -e tamén outras figuras históricas- se tiveron que enfrontar á decisión de elixir entre progresismo artístico e progresismo político, decantándose, chegados a un punto, polo segundo. É tamén, no fondo, a historia dunha renuncia cargada de boas intencións, e que non sempre é ben entendida polos que, como o personaxe de ARTURO, conciben a esfera da arte coma un mundo de liberdade inquebrantable alleo ás continxencias da realidade. Dito doutro xeito: a transformación da arte en arma política contemplada polos ollos de alguén que se nega a renunciar á súa pureza. O título Alén de loitas perdidas remite claramente á derrota. Tanto DANIEL como ARTURO fracasan finalmente nos seus ambiciosos propósitos, por circunstancias moi diversas. Pero alén das loitas perdidas por cada quen, o público ao que vai dirixido este guión será o que teña que considerar se procede chamar derrota ao sacrificio de quen renuncia aos mundos imaxinados por facer o noso mellor. Pola contra, acaso fica derrotado quen se atreveu a ignorar a realidade en nome da arte?

   Argumento

En 1984, co gallo do retorno dos restos mortais do intelectual Alfonso DANIEL Rodríguez Castelao á súa terra, ARTURO Freire Cela -histórico supervivente da vangarda artística galega dos anos 20 e 30- lembra as súas vivencias xunto a DANIEL. Coñécense na emigración arxentina cando nenos, e reencóntranse en Galicia xa de mozos, comezando unha amizade baseada nos desexos compartidos de convertérense en grandes artistas.  
Pero mentres DANIEL pode marchar a Compostela, e logo a Madrid, tomando contacto cos círculos culturais máis de moda, ARTURO ten que ficar na pequena vila de Rianxo traballando. Máis tarde os dous compartirán unha longa etapa das súas vidas en Pontevedra, onde ARTURO non acabará de despuntar como pintor, mentres DANIEL chega xa a ser unha figura recoñecida. Un lento distanciamento comezará a abrollar entre eles a medida que DANIEL se vai comprometendo cada vez máis nas cuestións políticas do país. ARTURO ve con decepción como o seu amigo sempre prioriza o papel de guieiro dos galeguistas sobre a faceta puramente artística.  
Logo de coñecer por casualidade a un matrimonio de pintores da vangarda parisina que se atopan temporalmente en Vigo, ARTURO ten claro que quere viaxar a Europa. DANIEL, asoballado polas preocupacións políticas, non poderá prestarlle apoio, o que fai que ARTURO procure axuda en RISCO, rival ideolóxico de DANIEL. Grazas a el poderá viaxar a Alemaña, onde nun principio ficará abraiado pola estética nazi, aínda que axiña a intolerante actitude de Hitler con respecto á arte moderna lle decepcionará profundamente. ARTURO volve de Alemaña xusto cando a Guerra Civil está a piques de comezar en España. Ten certa sensación de culpabilidade. Volve onde DANIEL e reconcíliase con el.    
Os dous farán unha longa viaxe de propaganda a prol da República que os levará, entre outros destinos, a Nova York. ARTURO, novamente seducido polo ambiente artístico, quedará alí para sempre. Pero nunca triunfará como pintor. DANIEL exíliarase en Bos Aires. Na súa morte, o franquismo dará instrucións precisas prohibindo facer referencia algunha ao seu pasado político, de tal xeito que, a partir de entón, DANIEL só será loado como artista.

    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade