A expresión “terceira póla” é usada por moitos filólogos para referirse a unha terceira variante lingüística derivada do tronco común galego-portugués (galego medieval). Ademais do galego actual e o portugués, ese tronco tería dado lugar a partires do século XIII a unha variedade esencialmente galega que aínda pervive, séculos despois, na illa lingüística do Val de Xálima, nunha zona situada na actual confluencia das provincias de Salamanca e Cáceres con Portugal. A terceira póla é un achegamento aos habitantes dos tres concellos galegofalantes de Estremadura (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trevello), que opinan sobre a orixe da súa lingua, falan da súa identidade e tamén dos seus vencellos con Galicia. Interveñen, ademais de paisanos da zona, xente coma Xosé Henrique Costas, filólogo especialista no “valego”, Francisco Fernández Rei, catedrático de filoloxía románica, Domingo Frades, académico correspondente para Estremadura da Real Academia Galega ou Máximo Gaspar, alcalde de San Martín de Ttrevello. O equipo do documental é o mesmo que en 2007 fixo Fronteiras, de Rubén Pardiñas.
ArgumentoEn 1991 o programa Sitio Distinto, dirixido por Antón Reixa na TVG, convidou a un camioneiro orixinario de Valverde do Fresno, pequena localidade de Estremadura. O camioneiro falaba con Reixa na que dicía que era a súa lingua materna, un idioma practicamente igual ao galego que deixou abraiados aos galegos presentes. Así, o programa descubriulle á audiencia algo que a maior parte da filoloxía xa coñecía, pero que tiña máis ben esquecido. Nun illado val estremeño, unha comunidade de 5000 habitantes mantiña viva unha variedade de galego-portugués desde que a zona fose repoboada no século XIII con xentes orixinarias de Galicia. Pero, como vive realmente este “galego” no Val de Xálima?
LocalizaciónVal de Xálima (Estremadura) Vigo, Santiago de Compostela (Galicia)
ObservaciónsEstrea a sábado 17 de maio, ás 16:30 horas na Televisión de Galicia