Cando o grupo de “rock-bravú” Os Diplomáticos de Montealto creou a canción Gaiteiro! quería -polo menos en parte- ofrecer unha alternativa galega ao típico piropo español “torero”. A substitución dun estereotipo (os touros) por outro (as gaitas) salienta a importancia que aínda se lle conceden aos símbolos de cada tradición cultural no que respecta á construcción das correspondentes identidades colectivas. Galicia é terra de gaitas, é certo (aínda que hai moitas máis, desde a veciña Asturias ou as recorrentes Escocia, Irlanda ou Bretaña, ata outras máis insospeitadas como Hungría ou Xordania)
En todos estes lugares a gaita aparece vencellada á tradición -máis ou menos recente- sen embargo… Como se explica o actual auxe dun instrumento e dun tipo de música que reivindica unha diferencia fortemente arraigada no pasado no contexto dun mundo globalizado que tende á uniformización en tódolos eidos? É posible a supervivencia destas peculiaridades sen que estas cedan a algún grao de asimilación?
Responde o auxe internacional do folc á súa vitalidade real nos países dos que esta música é orixinaria? Ata que punto estamos asistindo a unha estratexia comercial –o “celtismo” musical- insertada nun contexto máis amplo no cal a exitosa marca “Músicas do mundo” non deixa de nos ofrecer con frecuencia fórmulas folcloristas (segundo o termo do musicólogo Josep Martí)? Gaiteiro! pretende un achegamento a estas e outras cuestión a través das figuras fundamentais da gaita en Galicia, como Xosé Lois Foxo, Xosé Manuel Seivane, Antón Corral, ou a nova xeración de “gaiteiros-estrela”, como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Susana Seivane.
Tamén se pretende a participación de figuras internacionais como Paddy Moloney ou Alan Stivell.
A principios dos anos 90 a gaita galega, un instrumento tradicional que parecía destinado a ficar esquecido nos museos etnográficos e as romerías aldeáns acadou un pulo insospeitado. De súpeto os gaiteiros galegos comezaron a encher estadios coma se fosen estrelas de rock, e as bandas de gaitas galegas desfilaban polas principais capitais do mundo. Boa parte deste auxe internacional debeuse a figuras como Xosé Lois Foxo ou Carlos Núñez, que situaron as súas gaitas á altura dos países con máis tradición (e tamén máis publicitados: Irlanda, Escocia, Bretaña...).
Como sempre sucede, co éxito veu tamén o debate, e o mundo da gaita suscita desde entón un crecente interese, en diversas vertentes: a misteriosa orixe do instrumento, a rigurosidade histórica do chamado “celtismo musical”, o concepto de evolución no folclore, e, en xeral, o papel que poden xogar as tradicións nun mundo cada vez máis globalizado