Nacido en Vigo no ano 82, actualmente está licenciado nas carreiras de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual. Xa dende un principio, ó entrar en contacto co ámbito da comunicación, viuse interesado no mundo audiovisual, polo que sempre tratou de facer prácticas nas empresas do sector. Desta forma, foi becario en empresas locais coma Televigo, Localia Televisión e Onda Cero Radio, pasando logo ó ámbito autonómico coas prácticas na Televisión de Galicia. Todas elas realizadas en período estival para non interferir cos seus estudios universitarios.
A labor de Luis Miguel foi rapidamente recoñecida, chegándoselle a encomendar a realización dun programa de tertulia as noites do luns en Televigo, empresa na que foi contratado posteriormente. No ano 2006 a súa ex compañeira de Facultade, Eva Quintas, é beneficiada pola concesión dunha subvención para a rodaxe da curtametraxe “Premio”. Para ela confía na experiencia de Luis, outorgándolle un posto coma Xefe de Son. “Premio” será máis tarde candidata á mellor curta de ficción no IV Festival de Curtas de Cans. Tamén foi nominada no Festival Internacional de Cine de Elche e no V Certame de Curtametraxes da Cidade de Dos Hermanas, conseguindo o primeiro premio no Festival Arteficial de Ribadavia e no Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo. Toda unha bagaxe que avala a calidade da súa creación, e que animou a outros compañeiros de Luis a solicitar novas subvencións en 2007. Neste sentido, vólveselle a encomendar a supervisión de son das curtas “O máis rico do cemiterio”, de Jorge Fernández; “Palíndromo”, de novo de Eva Quintas; “Carrusel” e “O monte Facho”, ámbalas dúas de Xacobe González. Todas elas aínda pendentes de estrea. Haberá que esperar entón para ver se logran o éxito recollido pola súa predecesora.