ALFREDO PARDO HERMIDA, nace nun caluroso verán do 72 en Chantada (Lugo).
Dende a súa máis tenra infancia acolle o desaparecido Cine YECA, como o búnquer que o refuxia dos seus medos internos.
Xa adolescente, traballa como redactor no xornal SEMANAL XOVEN de Ourense. Foi redactor xefe de ACHANTADA, publicación que reinagurou o aletargado xornalismo local en Chantada. Fixo de redactor, presentador e responsábel dos informativos de RTTL (Radio Televisión Terras de Lemos) de Monforte, televisión local que emitía en todo o sur de Lugo. A súa afección polo cine medra co seu distanciamento da política de partidos: sente a necesidade de mesturar o cine americano de baixo presuposto de todas as épocas coas vangardas europeas. E, o máis importante de todo, falar de autoprodución con labregos, pensionistas, fidalgos e outros escuros personaxes da comarca, futuros extras dos seus proxectos audiovisuais.
Nos 90 participa como membro da COORDINADORA DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS DA COMARCA DE CHANTADA, levando a cabo importantes proxectos para ó desenrolo de actividades socioculturais na comarca. Fixo realidade, na Casa da Xuventude de Chantada e Ourense, dúas exposicións inéditas na provincia de Lugo: MEDIO SÉCULO DE CÓMICS, onde pretendeu mostrar a evolución da BD nos últimos cincuenta anos, e O MUNDO EN IMAXES, unha magnífica colección de máis de mil cromos fotográficos dos anos 20.
Sen deixar a un lado a pintura, realizou diversas portadas e debuxos interiores en libros, revistas e fanzines, gañando diversos premios de debuxo (1º premio Chantada Pinta no 2007), narración e fotografía.
Colaborou en reportaxes e artigos no xornal EL PROGRESO e, sendo vicepresidente da entidade social CÍRCULO RECREATIVO CULTURAL de Chantada, escribe o LIBRO DE ORO do C.R.C.(“Nesta publicación está a auténtica historia viva da localidade do Asma” EL PROGRESO, 14/10/2000) e colabora no libro CRÓNICAS CHANTADINAS (VVAA) asinando o capítulo APUNTAMENTOS PARA UNHA HISTORIA DA CINEMATOGRAFÍA EN CHANTADA.
Preside a ASOCIACIÓN CINEMATOGRÁFICA CHANTADA FILMS, realizando como director a mediometraxe PUNTO E FINAL, o primeiro filme rodado na vila, baseado no conto “Amarguras de un xove escritor” do brasileiro Rubém Fonseca, coa carátula do filme debuxada polo pai do cómic underground patrio: NAZARIO. Na rodaxe participaron máis de 200 veciños da vila. Actualmente traballa nunha fábrica mentres prepara o guión da súa segunda curtametraxe, colaborando co Concello de Chantada nas proxeccións de CINEMAS DIXITAIS da Axencia Audiovisual Galega.