Ángel Rueda Montalvo

Nacín na Pulcra Leonina no ano 1971. Xa desde moi pequeno reunía aos meus irmáns contorna a un proxector de “Cinexin”, proxectando sobre a branca tapa da cunca do retrete, pasábame horas e horas encerrado no baño vendo películas de 8mm. Desde ese momento quedei hipnotizado pola imaxe en movemento. Aprendín fotografía xogando coa vella “Voigtländer” do meu pai, cámara coa que mais tarde viría a Coruña a estudar fotografía e que me acompaña ata hoxe.
A principio dos noventa realizo os meus primeiros traballos audiovisuais, creando a imaxe da banda coruñesa “Kosmic-Muffin” así como a escenografía para os seus concertos, á súa vez alternaba algúns traballos de subsistencia, entre os que destacaría a miña presenza na Cabalgata de Reyes de 1994 como rei “Gaspar”, profesión esta de rei moi sufrida e moi pouco recomendable.
Máis adiante traballo en fotografía realizando algúns anuncios para publicidade e realizando as miñas primeiras exposicións fotográficas por bares emblemáticos de Coruña, como “O Patacón”,”O Taller”, “La Otra Orilla”…etc, ademais de editar daquela entre un grupo de descarriados o Fanzine Cultural “O Circulo de Ofelia”, panfleto subversivo de difusión limitada e contidos escatológicos para goce do público en xeral. En 1997 creo xunto a Richard Clake, amigo y experto en arquivos cinematográficos, “Angri Productions”, unha pequena produtora, coa que realizo a miña primeira curtametraxe “Pautas”. Mentres cun vello tomavistas da marca “Eumig” comprado aos -Docampo-, filmo algunhas pezas, ou retratos cotiáns en Super 8 e que xunto a películas deste formato atopadas ou compradas en mercadilos exhibía para os amigos nun cine improvisado montado no salón da miña casa.
Logo chegaría a fame negra e como non, tamén a miseria, o estómago aconselloume volver á publicidade. Alí logre sobrevivir durante sete longos anos entre creativos, deseñadores e xefes sen escrupulos, osea unha delicia interrompida coa chegada do -Prestige-, o que poría cada cousa no seu sitio.
Entre manifestacións, actos de protesta, actos de vandalismo e chapapote ata as cellas, Don Fernando Pujalte e eu decidimos montar -LILI FILMS- unha produtora que faría tremer os alicerces do Audiovisual Galego, e na que o único protagonista sería o cine amateur e doméstico, películas anónimas, algunhas esquecidas que volverían ver a luz por pobos, rúas e bares de Galicia e que nos devolverían a liberdade grazas á mirada deses anónimos do tomavistas.
Cinco anos despois -LILI FILMS- recuperou un sen fin de momentos e imaxes nunca vistas, ademais de crear máis de 20 pezas de metraxe atopada ou como din os entendidos “found footage”, entre as que destacaría “Galicia es Africa”, “Baby Machine” ou a recente “Vidas con Hongos” e curtos documentais en Super 8 como, “Mantecadas en Marruecos” ou a premiada en Nova Factory 05 “Bendita Calle”. Actualmente acabamos de estrear o documental “El Cielo del Super 8”, onde mostramos por primeira vez a maxia do cine doméstico con todos os seus protagonistas.Á súa vez compaxinei estes labores domésticos con outros traballos dentro do audiovisual nas seguintes producións:
- “As Leis de Celavella”, Serie para TV de Voz Audiovisual.
- “Mia Sarah”, longametraxe de Formato Producións.
- “El Menor de los Males”, longametraxe de Voz Audivisual.
- “Historias de Galicia”, serie documental da Televisión de Galicia.
- “El Tesoro”, Tv-Movie de Vaca Films.
- “Buscando Estrelas”, programa de entretemento para a Televisión de Galicia.
Actualmente envolvido entre rolos e rolos de celuloide continuo esta batalla cun proxector de 8mm como arma arreboladiza pola recuperación do cine ante a decadencia á que nos enfrontamos cos novos formatos dixitais.
E non teño mais qui dicir.

    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade