1965
Dende o ano 1989, o meu campo profesional é aquelo co que soñaba xa de moi noviño: a produción audiovisual. Nese ano entrei como axudante de produción na TVG e fun aprendendo o oficio.
Comecei da man de Chichi Campos —un creador inclasificablemente lúcido— e de Xaime Fandiño, responsable do xa clásico [A tumba aberta]. Con Fandiño como director, fixen nos '90 para a Galega, entre outros, o musical [Chambo TV] e o documental [Vivir en Manhattan], gañadores de cadanseu premio: un Agapi e un Mestre Mateo. Ficción, musicais, talk‑shows, magazines, reportaxes en países dos 5 continentes, a primeira mediometraxe rodada en Betacam Dixital en Galicia, spots, docudramas, variedades, máis musicais, 1 campaña de comunicación creativa, documentais, informativos...
Tiven a sorte de explorar tódolos xéneros e de traballar con profesionais e creadores de varias xeracións e das máis variadas procedencias. Dezaoito anos despois, estou a punto de rematar Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, sen deixar de traballar.
Agora mesmo estou contratado polo departamento de informativos da TVG para producir o apartado visual dos programas especiais das eleccións municipais e autonómicas de maio, o que inclúe a escenografía e a creatividade gráfica en 2D e 3D.
O penúltimo que fixen foi o programa [Luba_TV] da TVG, un experimento que xuntou danza, baloncesto universitario galego‑portugués e mixto, música de grupos galegos e portugueses e reportaxes alternativos. Tiven a oportunidade de participar no proxecto desde a etapa de desenvolvemento xunto ao seu director, Xaime Fandiño. Despois, fun o xefe de produción para poñelo en marcha e rematei levando a subdirección de contidos unha vez asentada a rutina de produción.
Traballei tanto na empresa pública como na privada; coordino equipos pequenos, medianos e grandes en galego, castelán e inglés; e estou afeito a deseñar e administrar presupostos de todo tipo, dende galas de varios millóns das antigas pesetas en capitais sudamericanas a traballos da facultade con presuposto cero. O cerne da miña actividade é a produción, pero ultimamente fixen ademais de actor, guionista, realizador e director en documentais, curtametraxes e videoclips feitos na facultade.
O programa [Onda Curta] da TVG emitiu hai unhas semanas o documental non subvencionado [Trampitán], feito polo grupo de clase Manga John, ao que pertenzo. Dende hai pouco, tamén teño un blog: www.babelmatic.blogspot.com
Gústame facer que as cousas sucedan. Con 41 anos, son afortunado porque, ademais, podo dicir que ese é o meu traballo.
Traxectoria profesional:
[2006] Xefe de produción e subdirector de [Luba_TV], programa de Productora Faro para a Galega
[2004] Local producer para o Discovery Channel e a BBC de Gales
[2001] Account Manager e coordinador creativo da campaña de comunicación [Santiago recicla] do Concello de Santiago e Ecoembes.
[1996] Xefe de produción da canle de televisión local da World Fishing Exhibition celebrada en Vigo e xestionada por La Voz Audiovisual
[2003 > 1991] Produtor dos programas da Televisión de Galicia:
- O espírito de Ortigueira [mini‑serie documental]
- Urbanitas [serie documental]
- Vivir en Manhattan [serie documental]
- Comediantes [serie documental]
- Chambo TV [musical]
- Tequelexou [variedades]
- O Tesouro [ficción]
- Galeguidade [talk‑show]
- Eurochannel [magazine co‑producido por 6 cadeas europeas]
- Galicia enteira [magazine]
- De todo corazón [magazine]
- Unha de romanos [ficción]
- Clan Clip [informativo musical]
- Galicia, sitio distinto [variedades]
- S.O.S. [humor]
[1991 > 1988] Axudante de produción dos programas da TVG:
- O son dun pobo [docudrama]
- A toda máquina [musical]
- A ver que vai ser esto [humor]
Premios audiovisuais
- MESTRE MATEO 2003 ao Mellor Documental por [Vivir en Manhattan]
- AGAPI 2000 ao Mellor Programa de Televisión por [Chambo TV]
- 2º Premio DOCUSTELAE no II CONGRESO AUDIOVISUAL GALEGO por [As ideas non veñen de París], con Suso de Toro e Stephen Frears