Valentín Barreiros Bermejo

Valentín Barreiros nado en Ourense no ano 1976, iníciase no audiovisual a finais dos 90 cando comeza a súa formación, básicamente autodidacta, coa participación en diversos cursos formativos de realización, operador de equipos de vídeo-televisión e produción.
Traballou como cámara e axudante de realización en distintos programas de televisións locais, ademais de colaborar en apartados técnicos e artísticos de varias curtametraxes. No 2001, no marco dun obradoiro cinematográfico, faise cargo da dirección da curtametraxe Apariencias, iniciando aquí unha afición que o leva a dirixir A Peonza (2002), Ecos (2004) e Mujeres de contra (2005), esta última coodirixida con Paco Campos.

Ademais nos anos 2002 e 2003 foi coordinador das Xornadas de Formación e Audiovisual, xunto con Manolo González,  da 7ª e 8ª edición do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, facendo tamén colaboracións puntuais en actividades da Rede Galega de curtas Mr. Misto Films, así como a participación como xurado na 2ª edición do Festival de Curtametraxe On&Off de Ribadeo no ano 2006.

Dende o ano 2003 desenvolve a sección Falando de cine na web mundourense.com onde comenta clásicos, estreas e artigos de historia do cinema, ademais de escribir a columna habitual Cousas do cinema sobre a historia do cine ourensán no xornal Ourense por Barrios.
No ano 2004 publicou a novela Un intruso sonoro coescrita con Jorge Emilio Bóveda.Os seus últimos traballos no audiovisual, polo momento, foron nas curtametraxes Pulgas (2006) e Surfer (2006) de Juanjo Rodicio onde desempeñou funcións de axudante de dirección.

    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade