A Coruña, 1959
O cativo Carlos Amil mamaba en tanto a súa nai lía en alta voz "As mil e unha noites". A ninguén lle estranou que o picariño adeprendera antes a dicir Scherezade que mamá. O noso home medrou contando historias mesmo debaixo do auga. Dabas unha patada a unha pedra e agromaba Carlos escribindo co seu inseparable rotulador Pilot Hi-Tecpoint V5 Extra Fine de púrpura cor. A principal característica de Carlos Amil fabulador é a infidelidade. A infidelidade a un único xénero, pois gosta de escorregar a imaxinación entre os canos e vasos comunicantes dun xénero a outro, dunha época a outra, de xeito que os seus relatos abranguen e misturen a meirande variedade de tramas e personaxes. Mentres aperta apaixoadamente á comedia, mergulla a súa lingua nas entrañas do melodrama, apalpa os peitos xenerosos da aventura, estimula os fluídos dos baixos fondos do thriller, aloumiña a pel fronteiriza do fantástico, e procura a comuñón co espectador sensible e aberto a propostas que o fagan partícipe e ao tempo lle leven á reflexión. E ás veces a súa teima acada o premio de estrear nas pantallas de cinema unha película. Tal aconteceu cando tivo a ocorrencia de escribir, montar e dirixir unha longametraxe chamada "Blanca Madison", interpretada por Rosa María Sardá, Mario Gas e Javier Albalá, entre outros. A experiencia de ser pai foi pracenteira, e xa vai pola segunda criatura, "A Casa da Luz", unha adaptación da novela do mesmo título escrita por Xabier P. Docampo, en fase de preprodución.
Aviso: seica dende cativiño, Carlos arelou ter familia numerosa, na súa categoría de honra. "Non se trata de bater marca algunha, senón de poder viaxar cun importante desconto no tren", din que dixo.
Produtor de Cartón Películas, S.L.