Martin Pawley: ´O que non temos en Galicia é unha masa crítica que apoie con enerxía os produtos bos que aquí se fan´

26-12-2008 

A Axencia Audiovisual Galga tamén quere indagar por outros fíos da institución cinematográfica e polo tanto dalle voz a un dos críticos de cinema máis importantes da actualidade que se poden seguir nos medios de comunicación galegos. A figura de Martin Pawley elévase con estoicismo fordiano reflexionando sobre aspectos que envolven á crítica cinematográfica. 16 preguntas na procura da disección do xuizo crítico.

1. Imos comezar polo abstracto, qué é para ti a crítica?

Pois o que di o dicionario: a actividade de xulgar e emitir un xuízo sobre unha obra, o cal implica facer unha recomendación sobre a mesma, do tipo "farías ben en vela" ou "alá ti". Facer crítica é expoñer opinións de maneira máis ou menos razoada e esas opinións son sempre subxectivas, por suposto que si (e o honesto é recoñecelo, desbotando ese absurdo mito da obxectividade). Outra cousa é que a crítica deba transcender o puro gusto persoal e esforzarse en intentar detectar virtudes e defectos no produto final á marxe de que dun xeito primario conecte connosco ou inspire en nós rexeitamento.

2. A crítica cinematográfica cres que ten algunha especificidade respecto a doutras artes?

Non, non creo. De feito eu tamén fago crítica de libros para "Protexta" e no esencial a miña actitude é idéntica. Coma nas outras artes facer crítica esixe un certo grao de coñecemento do seu pasado e tamén -e penso que convén insistir moito nisto- do seu presente. E canto máis diverso sexa ese coñecemento, mellor.

3. Diferenzas entre cinefilia e crítica cinematográfica?

Pois para iso o bo é acudir novamente ao dicionario, que é onde aparecen as definicións das cousas. Alí di que un cinéfilo é unha persoa moi afeccionada ao cinema e que ten moitos coñecementos sobre o tema. Atendendo a iso non todos os cinéfilos fan crítica, mais penso que é obrigado que todos os críticos sexan cinéfilos, da mesma maneira que se dá por feito que aos críticos literarios lles gusta ler e aos críticos musicais ir aos concertos. Curiosamente nos últimos anos e en certos ambientes culturetas a palabra "cinefilia" caeu nun absurdo desprestixio, como se fose unha actitude a combatir; é algo que levo escoitado en diferentes coloquios e tertulias, con público e sen el. O que nunca escoitei é unha xustificación clara de "que ten de malo a cinefilia". Eu son cinéfilo antes que crítico, e a moita honra, e cando deixe de escribir e falar sobre cinema seguirei alimentando a miña cinefilia igual que antes: con moitos filmes.

4. Que pode aportar a crítica á creación audiovisual?

A crítica axuda a marcar tendencias. Contribúe a afianzar certas modas ao servir de peneira da xigantesca e inabarcábel creación audiovisual do mundo. Os que exercemos a crítica temos acceso -uns máis que outros- a obras que á maior parte da poboación lle resultan inalcanzábeis e ás veces somos quen de detectar a importancia de determinados autores que logo chegan ao público xeral. Iso funciona para ben e para mal, pois tamén acontece o contrario: o desprezo que a crítica amosa ante certas propostas pode traer como consecuencia a súa total invisibilidade. No noso mundo hipercomunicado non existe aquilo do que non se fala. Pregúntelle aos críticos que coñeza que digan cinco ou seis títulos de filmes africanos sen buscar en Google, a ver cantos superan a proba...

5. Cal é o teu camiño de procedencia ata a crítica?

O punto de partida no meu caso é o blog "días estranhos", que abrín en marzo de 2003. Como cinéfilo confeso que son empecei a deixar anotacións sobre películas e como naquela altura non había practicamente ninguén máis que escribira en galego e en Internet sobre, poñamos por caso, "The searchers" ou "Sergeant Rutledge" a miña páxina acabou sendo etiquetada coma un blog de cinema. O ano seguinte, en 2004, ocorreuseme ir ao Festival de Donostia; a cambio do seu apoio para acadar a acreditación ofrecinlle a miña colaboración gratuíta a un xornal coruñés de papel, cuxa resposta aínda estou agardando, e a Vieiros, daquela dirixido por Anxo Quintela. Dixérome que si e fixen crónica para eles desde o festival. O ano seguinte volvín ir acreditado a Donostia por Vieiros e estando alá recibín chamada de Belén Regueira, que xunto a Tomás Lijó estaba preparando un magazine de tarde para Radiofusión, "Antípodas": pediume se non me importaba falar desde alá para o programa. Díxenlle que o facía encantado e despois á miña volta empecei a colaborar con eles os venres: entraba por teléfono para comentar as estreas da fin de semana. Cando Belén pasou a facer o "Extrarradio" na Radio Galega, vai xa para tres anos, ofreceume participar no seu novo espazo e alá marchei, encantado da vida, con ela e con Eduardo Herrero. Primeiro empecei facendo unha sección especificamente cinéfila e trala primeira reestruturación do programa sumeime ao que chamamos "tertulia cultureta", unha tertulia moi relaxada sobre a actualidade cultural que agora comeza os sábados despois das once da mañá e na que comparto mesa con Grial Parga e María Yáñez. A miña presenza no "Extrarradio" trouxo logo como consecuencia aparicións esporádicas no "Diario Cultural", nomeadamente para falar de festivais de cinema, e de maneira puntual noutros espazos coma "Punto de encontro", "A lanterna máxica" ou "O tren do serán", e tamén no programa de televisión "Planeta Cine" da TVG. En medios de papel a miña actividade é moito máis reducida.

6. Ti falaches de cinema na televisión, na radio e na escrita. A crítica está condicionada polo medio no que se fai?

O maior condicionamento é a limitación de espazo e tempo de cada un deles: na radio podes dedicarlle quince minutos a cousas que en televisión non ocuparían máis de noventa segundos, e obviamente nun blog podes facer o que che pete. Alén diso eu non me sentín nunca condicionado en absoluto; na radio en particular nin Belén nin Eduardo puxeron xamais pegas a nada do que propuxen ou dixen, e se miro cara atrás hai unha morea de cousas das que me sinto moi feliz. Nun magazine xeralista coma o "Extrarradio" permitímonos falar sobre Jia Zhang-ke con Jaime Pena, ou sobre Apichatpong Weerasethakul con José Manuel López, e conversamos con Isaki Lacuesta ou co maior dos cineastas aparecidos nos últimos anos, Lisandro Alonso. E tamén estou moi satisfeito de termos chamado a Marcos Nine aos poucos días de presentar "Pensando en Soledad" e "JEDN", ou de meter hai uns meses en antena a Ángel Santos e a Oliver Laxe poucas horas antes de que recollesen os seus premios no Filminho. Chegará o día en que poderemos rescatar esas gravacións e dicir con orgullo "nós xa nos ocupamos deles hai moito tempo".

7. Recibiches "presións"?

Ningunha, de ningunha clase. E ademais non teño tanta relevancia como para que alguén poida considerar útil presionarme.

8. Como é a crítica cinematográfica en Galicia?

Fundamentalmente escasa: a inmensa maioría dos medios prestan moi pouca atención á información cinematográfica e non consideran preciso dispor dunha persoa como referente para tratar eses temas e se a teñen apenas lle deixan espazo máis que para ocuparse das estreas comerciais, o cal é unha limitación moi grande pois nas cidades galegas a oferta cinematográfica en xeral é pavorosa coa única excepción da Coruña, co Fórum Metropolitano a encher algúns ocos e sobre todo polo luxo que supón termos a sede dunha institución coma o CGAI (aínda que o verdadeiro luxo non é o CGAI, senón os seus programadores). En calquera caso hai xente aquí en Galicia cuxa opinión sempre me interesa, aínda que como é natural os seus criterios non coincidan necesariamente cos meus. Penso en José Manuel López, en José Luis Losa, en Grial Parga, en Ángel Santos, por suposto en Jaime Pena... E aínda que non adoiten facer crítica, sempre resultan pertinentes as palabras de José Luis Castro de Paz ou José Manuel Sande.

9. Para facer crítica cinematográfica cres que é necesario ter formación, metodoloxía, estrutura…

Para facer crítica cinematográfica é necesario ver filmes, ante todo. Só vendo filmes, moitos e moi diversos, podemos ser capaces de discernir o que supón cada obra no contexto no que foi creada. É estupendo ter lecturas e formación mais o primeiro, o fundamental, son os filmes, e iso é algo que ás veces parecen esquecer os autores de textos que baten records de citas por centímetro cadrado. Por outra banda a crítica debe ser un oficio libre e creativo, non necesariamente atado a uns modelos e uns procementos prefixados coma se fose un comentario de texto escolar. Eu non necesito opinións robotizadas, quero que haxa nelas paixón e emoción. Non me importa que se vexan ben as filias e fobias, pois xa me encargarei eu logo de aplicarlles o filtro oportuno.

10. Que é o que máis valoras dun filme?

Eu admiro moito a Charles Dickens, a súa escritura xenerosa e optimista, a súa enerxía para combater as inxustizas, o seu esforzo por entender o outro, o seu amor polo xénero humano. Como espectador de cinema tamén son moi dickensiano e acabo decantándome polas propostas máis claramente humanistas, esas que demostran que nós e os moradores dun barrio marxinal de Lisboa somos no esencial idénticos: xente á procura da felicidade. Eu tampouco creo en Deus: creo en John Ford, en Ousmane Sembene, en Bela Tarr, en Pedro Costa, en James Benning. Gústanme as películas que nos obrigan a mirar e a escoitar.

11. Tes marcada algunha tendencia: cahierista, positif….

Esta pregunta vai en serio?

12. Tes algún crítico preferido?

Non, ningún en concreto.

13. Como levas o de criticar estreas cinematográficas?

Lévoo ben porque non o fago. Non teño obriga de opinar sobre todo o que chega ás salas comerciais e procuro falar só daquilo que por unha razón ou outra me parece relevante.

14. Non cres que os festivais son os últimos reductos de ver cinema en comunidade… Como afrontas un festival de cinema?

Para ver películas en comunidade xa están as salas de cinema e as cinematecas. Os festivais proporcionan unha oportunidade estupenda para ver uns cantos filmes que non chegarán nunca á cidade na que vivimos, mais ante todo un festival serve para poñer en contacto aos espectadores cos creadores. Esa condición de punto de encontro é fundamental, é o que verdadeiramente dá vida a un festival de cinema. Agora ben, para que haxa encontro deben existir razóns para encontrarse e a razón última sempre é unha boa programación. Se non hai unha programación con criterio non hai nada. Non se pode facer un bo festival sen boas películas, igual que non se pode empezar a facer unha casa polo tellado.

Eu non asisto a demasiados festivais -fóra de Galiza só a Donostia, Xixón e Lisboa- así que vou a eles cheo de entusiasmo, sobre todo a Xixón e Lisboa, onde o elemento de "encontro" e "comunidade" é especialmente intenso. Reencontrarse cos amigos e coñecidos nos festivais é unha experiencia moi agradábel.

15. Que opinas da polémica "Boyero"?

Eu son un dos asinantes do manifesto enviado ao xornal "El País", que serviu para facer ruido e poñer sobre a mesa unha cuestión moi importante: a forma na que os grandes medios falan de cinema. Non é un manifesto contra Boyero, que ten todo o dereito do mundo a dicir que non atura os filmes de Kiarostami; é máis ben a reacción dun grupo de lectores que lle esixen a El País que atenda a información cinematográfica co mesmo respecto que lle dedica a outras artes, simplemente para estaren ben informados. Ningún medio mandaría a cubrir o Festival de Benicassim ao experto que habitualmente fala da actualidade operística, e co cinema debería acontecer o mesmo: non ten sentido mandar ao Festival de Venecia a alguén que desde o primeiro día estará esbardallando contra todas as películas que alí botan. O problema non é Boyero, pois, senón que El País o mande alí como único enviado, sabendo que vai dicir o que vai dicir.

16. Vouche por nun compromiso, fai unha crítica da situación actual do audiovisual galego…

Ben, para empezar eu non sei que é o audiovisual galego, nin se me ocorre un criterio sinxelo para discernir o que é audiovisual galego do que non o é. O máis práctico deumo un amigo hai anos: audiovisual galego debería ser todo aquel que se defina como tal en todas partes, en Galiza e fóra dela. Se a Abderrahmane Sissako lle dera por dicir que el fai cinema galego eu estaría encantado con tal de que diga o mesmo en todo o mundo; non vale pois esa cousa tan nosa de ser galeguísimos en Santiago de Compostela e españolísimos en Madrid. En calquera caso esas cuestións identitarias non son en absoluto relevantes no que atinxe ás obras de arte, que basicamente son de dous tipos, boas e malas. Hai moitas películas galegas que me parecen malas, mesmo pésimas, empezando por "Pradolongo"; boas coñezo menos, mais algunhas hai. O 2008, de feito, foi razoabelmente bo: empezou coa participación en Sundance dunha marabilla rexeitada en dous festivais galegos, "1977" de Peque Varela, e acaba coa estrea da longametraxe documental de Ángel Rueda "50 anos en el andamio", que é un traballo ben interesante. Polo medio houbo dúas obras mestras que non acadaron a repercusión que merecen, "O cazador" de Ángel Santos e "París #1" de Oliver Laxe, o cineasta galego que nos proporcionará máis alegrías no futuro. O que non temos en Galicia é unha masa crítica que apoie con enerxía os produtos bos que aquí se fan, ao contrario do que acontece en Catalunya onde aplauden incondicionalmente calquera trapallada que faga un Marc Recha deses. O autoodio é un vicio que non damos perdido.

Xurxo González

  •  

Comentarios

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade