Abelardo Rendo: “A xente botouse ao monte e está a tentar facer as súas propostas”

07-10-2008 

A Axencia Audiovisual Galega segue debullando as uvas do acio que conforma o MUNDO PARALELO. A intención destas entrevistas é dar a coñecer aos creadores que están bulindo detrás das cámaras e que teñen unha voz propia. Desta vez tendemos a mirada cara Abelardo Rendo realizador da fermosa intimidade que é SULFATO.

Vedra-Santiago, Santiago-Vedra. Curre e trafego dun sito a outro. Atender con Navia e Xandre a que non caian pinos centenarios ou gabear con eles polo Pico Sacro en busca de meigas ou de paraísos perdidos. Non obstante, Abelardo Rendo e moito máis… É un creador de imaxes que ten como obxectivo depositar nelas algo da extraordinaria bonhomía que lle sobra e que agasalla a todo quen ten o pracer de coñecelo.

Cal foi a túa procedencia a esto do audiovisual?
Por casualidade. Podo decir que o golpe definitivo foi mercar a cámara de vídeo para poder gravar aos meus fillos. Sempre fun un grande amador do teatro, da música, do cinema, da literatura, etc. Ao mesmo tempo sempre andiven metido en asociacións culturais, festivas, políticas (uuuuuuh), etc. Si collemos por unha banda a miña apetencia polas artes e a experencia na organización de eventos adquiridas en moitos anos de participación asociativa, pois de todo este rebumbio sae a miña aterrizase no audiovisual. Ao fin e ao cabo non son máis que unha persoa inquieta con certa habilidade para liar a colegas e amigos.

Un autodidacta que sabe o que quere…
Creo que si. Eu parto dunha premisa, a priori, moi sinxela. Interésame contar historias coas que o espectador poida emocionarse, que poida reírse, chorar, reflexionar ou cagarse en tooo!! O que teño claro é que non pretendo facer arte, nin revolucionar o mundo do audiovisual, nin a linguaxe, nin esas cousas. De momento chégame de carallo con ser capaz de facer o que dixen antes. O obxectivo é aprender con cada proxecto novo para, pouco a pouco, ir dominando distintos aspectos que me interesan moito, como a dirección de actores, a posta en escena, a composicións dos planos, o ritmo, o maldito ritmo… que fodido é o maldito ritmo. En fin, que si fas un drama que a xente non se escaralle de risa, vaia.

Ti contemplas a produción audiovisual rodeado dun equipo, dun grupo de persoas que foron colaborando nos teus traballos….
É que eu non creo en isto do mega-super-director-lumbreras. Eu creo nun equipo no que o director é unha peza máis do puzzle. A min gústame traballar de xeito que todos nos sintamos importantes no traballo que facemos, que todos se sintan partícipes do que estamos a facer, e que cada un de nós sinta que poida aportar cousas importantes ao proxecto no que estamos a traballar. "Senunpesoealoloco" producións naceu a finais de 2005. Nun principio éramos catro (Orlando, Fer, Mon, a miña muller Fina e eu) e pouco a pouco fomos sendo máis (Roi, Paco, Pepón, Eliana, María, Manolo, Gonzalo, etc), segundo o proxecto no que nos metíamos. Para min o máis importante é contar cunha serie de persoas que estean dispostas a ofrecer os seus coñecementos ao servizo do proxecto do que forman parte, e cousa importante, sin cobrar un duro. Só polo pracer de facer, aprender, compartir. Está claro que esa non é unha meta en si, xa que hai que "ghanarse" o pan e si no futuro alguén de nós pode vivir profesionalmente disto pois mellor, mais para aprender, para mellorar creo que está ben este xeito de prantear as cousas. Eu o que si podo decir é que estou moi contento con todos e que cada vez estamos un pouco máis confiados nas nosas capacidades e creo que se nota nas producións que levamos feitas ata o de agora, creo que se nota unha progresión importante.

Non sei quen dixo que para ser un grande artista hai que ser un grande artesano.
Si, claro, tráse de facer a casa polos cimentos, non polo tellado. O que levamos feito ata o de agora pódese considerar como unha escola autodidata para todos, fora das canles oficiais. Mais non deixa de ser unha escola xa que estamos todos tentando de aprender.

Antes d´As Farolas  houbo outros traballos…
..NON VOU. foi o noso primeiro proxecto. Estreámolo en Teatrofilia e foi concebido coma unha curta que o seu final se poidera representar en directo aínda que os espectadores seguían vendo ao protagonista na pantalla. Contamos con actores do grupo de teatro Andaravía. Foi unha produción "minimalista", vaia, que por non ter, non tiñamos nin trípode, mais "bueno", o resultado agradounos e iso dounos ánimos para tentar unha nova aventura…

Co´AS FAROLAS  diches un salto cualitativo. É un proxecto expansivo e cunha temática ambiciosa como pode ser o tratamento da información.
O d´As farolas foi unha toleada. O que pretendíamos entre a Asociación Cultural Papaventos e eu, basicamente, e pode sonar ata frívolo, era xogar a facer unha rodaxe coma as de "verdade". Achegarnos o máis posíbel ao que sería unha rodaxe profesional. No equipo das farolas participaron máis de 40 persoas durante 5 días de rodaxe, e todas "por amor ao arte" e algúns poñendo diñeiro do seu peto. Encanto ao traballo, que foi durísimo, As farolas foi como un master acelerado. Eu creo que aprendimos moitísimo, sobre todo en canto a dinámica de rodaxe, a saber ata onde se pode chegar e a saber cando hai que decir… "quietos todos!!" "Vamos tomar un café!!" No tocante á temática, aínda que está bastante manido, eu pensaba que habia xogo. Nunha primeira impresión pode parecer a típica crítica aos políticos de turno, mais creo que ten moito máis de crítica á sociedade, que ao fin de contas somos nós quen poñemos ou quitamos governos, así coma aos medios que non dubidan en empregar calquera táctica para conseguir os seus fins. En fin, que lle demos a todo Dios…

Ti pertences a asociación cultural Verea, do Concello de Vedra, que concepción tes do audiovisual como ferramenta de cohesión social.
Desde o ámbito asociativo paréceme que é unha ferramenta moi válida. Hai que pensar que hoxe en día, na práctica totalidade dos fogares hai ordenadores e cámaras dixitais, ben de fotos ou de vídeo, o cal convirte a calquera persoa nun potencial creador. Eu son dos que penso que todos temos algo que contar, algo interesante para mostrar, e desde unha asociación tes a posibilidade de contactar con persoas que están interesadas neste mundillo e organizar cursiños, mostras, festivais, ciclos, etc. Para min que en calquera curruncho do país que alguén estea a facer unha curta, sexa experimental, de animación, ficción, etc, da igual, para min é maravilloso, por que seguro que o está a facer con todas as gañas e ilusión do mundo. As pequenas asociacións que temos un espazo de actuación local, mais somos moitísimas en todo o país, temos que ser capaces de darlle aos creadores ese espazo que precisan para que se sintan arroupados. Desde Verea tentamos que ese espazo exista. Está moi ben que existan grandes festivais como "Cortucircuito" ou similares, máis tamén son necesarios eses pequenos festivais que se organizan no rural, onde se visualizan autores que doutra forma seria imposíbel de ver.

Que foi a Verea TV?
Pois veu sendo a culminación, por parte da xente de Verea, das I Xornadas de formación e mostra audiovisual formAcción 08. En cada curso que organizamos había un membro da asociación como resposábel do mesmo o cal nos permiteu que estas persoas adquiriran uns coñecementos básicos de edición, de guión, interpretación, etc. Unha vez rematadas as xornadas a xente da asociación quedamos có "gusanillo" e habia que facer algo, e ese algo foi "Pirata TV". O máis importante deste proxecto, ao meu modo de ver, e que foi feito integramente polos membros da propia asociación. Todos os participantes, actores, actrices, técnicos, axudantes de producción, etc, son membros da asociación. Os actores e actrices nunca actuaran, vamos non actuaran nin nas obras de teatro da escola. Para min, a nivel personal foi un reto moi estimulante, xa que tiña que dirixir por primeira vez un guión que non era meu. E gustoume a experiencia de reunirme co guionista para ver o enfoque que lle dábamos, as discusións de que si esto estaba ben, que si esto outro sobraba, etc. Pode parecer unha tonteria mais é moi estimulante para min, que estou a empezar, ser capaz de interpretar un guión doutra persoa e que ao final quedemos os dous satisfeitos.

A túa última curtametraxe ata o momento é Sulfato. Un proxecto onde fas gala dun repouso e un grande pulso narrativo.
Obrighado Xurxo. Eu creo que Sulfato o que reflexa é o que levo aprendido ata o de agora. Aínda que a historia non ten nada que ver cos anteriores proxectos, que eran máis tipo comedia, máis gamberros, si que che vale todo esa experiencia que vas acumulando, e non falo por min solo, creo que aos demais membros do equipo lles pasou o mesmo. Todo o equipo sabíamos perfectamente o que queríamos e creo que iso se reflexa na curta. Sulfato é unha historia moi persoal e intimista e tíñalle moito medo a pasarme. Sabia o que quería pero non tiña nin idea como conseguilo e bueno, agora estou moi contento co resultado final. Sempre che quedan dudas, que si aquelo, que si tal, pero bueno, ahí está. Para min, e esto é unha opinión moi persoal, creo que ten momentos en que se acerca ao cine que a min particularmente máis me gusta: pousado, reflexivo, emocional e moi visual.

Sulfato ten unha bonita historia detrás...
A ver como a explico. Sulfato e unha anécdota da miña nai de cando eu era un neno de catro ou cinco anos e gústalle contala de vez en cando. Nunha sobremesa das festas na miña casa volveuna a contar coa particularidade que nesta ocasión encontrábase na mesa Paula San Vicente, magnífica escritora, a cal escoitou en silencio, ela é sempre moi discreta. Meses despois chégame un correo electrónico de Paula, o abro e resulta que é un relato breve que se titula Sulfato. Paula acababa de convertir o que era unha anécdota si máis nun maravilloso retal de poesía, e emocionoume moitísimo. Pasaron uns cuantos meses máis ata que fun capaz de devolverlle o agasallo. Esta vez era Sulfato en forma de peli e así, entre Paula e máis eu lle poidemos facer un fermoso agasallo a miña nai. Vamos, que a historia de Sulfato e unha historia de agasallos, vaia…

Cales son os teus próximos proxectos, se se poden contar…
Como dixeron varios dos teus convidados, hai que facer, seguir facendo. En principo "senunpesoealoloco" producións e posíbel que sufra unha pequena transformación para poder afrontar nas mellores condicións varias producións para o 2009: un drama, unha comedia e unha de acción. Variedade, hai que ir tocando distintos paus que de todos se aprende, e é no que estamos

Ti fas as cousas sen subvencións e pasas da industria… Que opinas de cómo está o audiovisual galego?
Da industria non paso, máis ben pasa a industria de min, je, je. A min encantaríame que nun futuro non moi lonxe unha produtora tivera a suficiente confianza en min como para poñer un proxecto nas miñas mans e eu sentirme capacitado para sacalo adiante. Vamos pouco a pouco e si algún día nos atopamos, a industria mais nos pois… mellor. No tocante ao das subvencións é dende o primeiro momento unha decisión persoal miña e compartida por todos os demais. Sentíame como alguén alleo a este mundo, sen coñecementos de ningún tipo e non me parecía axeitado pedir unha axuda pública sen antes saber si estaba preparado ou non para levar adiante un proxecto. Isto non me converte nin mellor nin peor que os demais, simplemente era unha opción e optei por ela. Para vindeiros proxectos, no caso de ser necesarias as axudas, desde logo que as pediría, vamos, agora non teño ningunha dúbida, despois de catro curtas, de participar en varios festivais, creo que son un máis deste mundillo. Outra cousa e que nos las concedan, que non é doado, mais por pedir que non sexa. Que como vexo o audiovisual galego? Pois… para min, e igual digo unha animalada, o audiovisual galego non existe como tal, hai un debate aberto, estanse a dar pasos, etc, etc (espero que non sexa un deses debates eternos que non chega a ningures). Para min existirá un audiovisual galego cando estea normalizado o País, a súa política, a súa lingua, a súa cultura, entón si. Agora o que si existe e un audiovisual feito en Galiza por galegos, e como no resto dos sectores do noso país (o audiovisual non se salva) cada un sacha na súa eira e coidadiño co mover o marco (ao final non somos tan diferentes aos labregos dos que tantas veces nos rimos). Pero tamén ten o seu lado positivo, a min encántame esta especie de anarquía: temos quen fai coca-cola, hamburguesas, pizzas mais tamén temos que fai empanada, polbo á feira, licor café, albariño e como non vieiras con ou sen toxinas. A nivel de creadores individuais e pequenas produtoras creo que hai un nivelazo, hai grandes propostas e moi variadas. Creo que xa o dixen antes, mais hai grandes propostas de animación, de ficción, experimental, documental, etc, etc. Probablemente moitas nin sequera tivemos a posibilidade de visualizadas. Toda Galiza en un fervedoiro de creación. A xente botouse ao monte e está a tentar facer, como pode, as súas propostas, unhas máis acertadas que outras, mais todas cunha grande dose de humildade, de paixón, de esforzo e de moita, moita ilusión, e estou seguro que deste rebumbio de creación van saír grandes figuras do audiovisual, senón tempo ao tempo. Por certo, antes de que me esqueza, desde logo a labor da Axencia ten moito que ver ca situación actual, e dígoo de xeito transparente. Parece que está mal visto felicitar a unha institución cando fai ben as cousas, como si foras un pelotas, mais eu son dos que si hai que criticar, critico mais si hai que dar os parabéns non me doen prendas.

Sona o teléfono. Chamada perdida. Sona de novo o teléfono. –Ola, tomamos un café?-. Ao fondo sona a rumorosidade do coche. Está de camiño. Hai que preparar unhas fotos. Fai bo tempo. Exterior-rúa-día. Ten aires de estrela do rock. Mais el despídese coma sempre: -Ata logo meu-.

 

Xurxo González Rodríguez

  •  

Comentarios

eu mesma (cuchus@porro.net.ar) - 09-10-2008 - 15:11:59h

E como non vai ter aire de rocheiro? anque se esquecera de nomealo foi membro activo dun grupiño de "pop-rock" e todo marca ¿non si Abe? Disfrutaremos hoxe co teu corto

Beodo (yjnazyo@telefonica.net) - 09-10-2008 - 10:20:58h

Monstruo, y no por lo feo.... ;)

SaludoX

María - 08-10-2008 - 16:16:49h

Pero que ben fala o dire!! Un luxo de entrevistado, vaia...

Que ghaniñas de que chegue mañá para ver 'Sulfato', xD

Un biquiño Abe!

Frenchchou - 08-10-2008 - 12:17:04h

Estupenda entrevista, e moi bonita a historia da orixe da curta. Estaremos na estrea!

Web/blog: http://acasadaulla.wordpress.com 

caalonso - 07-10-2008 - 20:38:21h

Un verdadeiro disfrute leer esta entrevista.

Aplauso.

MAGRELO - 07-10-2008 - 17:24:26h

Abelardo, tí si eres un bohemio dos de verdade.
Adiante, ti podes......

Xandrevia - 07-10-2008 - 15:45:05h

Aviso á rubia: está pillada, oes?
Flipo contigo Abe,...a estas alturas!!

david - 07-10-2008 - 14:16:16h

Felicidades crack!!

rubia cachonda - 07-10-2008 - 10:39:20h

quen te pillara... rubia!!!

eli - 07-10-2008 - 09:53:57h

Claro que ten aires de estrela do rock, iso lévase nos xenes e é algo que non se pode disimular :)

Unha aperta, moitos parabéns!

paco - 06-10-2008 - 22:58:15h

falas, i é coma se falasen os "rumorosos", unha mais, que xa temos o mono

coppolando - 06-10-2008 - 19:06:17h

Grande, Abelardo, moi grande!

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade