Oliver Laxe: ´Non hai escusas para non facer filmes´

26-08-2008 

Faltan aínda moitos nomes aos que prestarlle atención… Mais, desde fai tempo, a Axencia Audiovisual Galega quería soster unha pequena conversa cun dos creadores máis singulares dos últimos anos do audiovisual galego. O director de PARÍS #1  fixo un alto no camiño nunhas, sempre, pequenas e merecidas vacacións... Escusa perfecta para regresar a Galicia e facernos un feixe de confidencias estivais.

Resulta impropio combinar un luns pola mañá despois dunha longa ponte de agosto… Non facía calor mais as consecuencias da ociosidade facían abanear as poucas neuronas que ficaban en alerta. Un café, un cola-cao e un ducia de churros ían a ser o mellor avituallamento para acompañar a unha conversa chea de aforismos e fugas cara o imposible...

 

Jean-Luc Godard dixo "Eu xa non teño esperanza/ os cegos falan dunha saída/ Eu vexo"...

Ese aforismo é un destes labirintos lingüísticos de Godard, non sei moi ben como asumilo. Non sei se Godard é un escéptico ou non, se segue a facer filmes será porque non o é. Lémbrome timidamente dunha escena de Notre Musique na que un longo silencio do propio Godard acompañaba a unha anodina pregunta dun alumno de cinema, unha destas pesadas preguntas sobre a democratización do cinema grazas ao dixital creo. Ver ou filmar é o máis intelixente que se pode facer agora mesmo...

 

Que supón a creación audiovisual para ti?

A creación cinematográfica supón para min unha necesidade, é a ferramenta que me permite acurtar esa distancia que, como sucede con todos, existe entre o mundo íntimo e a realidade. Facer ese recorrido e deixar así de temer. Porque creamos? Iso é o que intento descubrir cós rapaces do obradoiro de cinema que creei en Tanxer. Qué é unha imaxe? Por qué precisamos facelas? Estes rapaces vólvense tolos por coller unha cámara. Ás veces estas non teñen cargas, dígolles que non serve de nada disparar. Pero a eles non lles importa, soamente queren mirar por ese misterioso buraco.

 

Cales son as necesidades que te moven a facer a ti cinema?

Facer cinema axúdame a coñecer quen son… Penso que as rodaxes son moi fértiles nese sentido. No cinema son demasiadas as decisións que se deben adoptar para tomar unha simple imaxe. Os parámetros que afectan a esta son innumerables e veñen dadas pola maneira de ser de cada un. As imaxes son sempre moi xustas, falan de ti, son como radiografías. É o caso de As chimeneas decidiron escapar ou de Sona a trompeta, agora vexo outra cara. Cando pasou un tempo despois da súa realización puiden confrontarme a elas coma se de un espello se tratara. Pode que unido a esta idea haxa un evidente impulso romántico que tiven que acabar transcendendo, que xa sabes que vivimos nos tempos do cinismo e hai que protexerse. Durante unha etapa da miña vida foi inevitable preguntarme quen era eu, ser sincero comigo.

 

Godard dicía algo similar: "Non é unha imaxe xusta, é xusto unha imaxe"...

Penso que se refire a que non se note a mediación, a man do cineasta, en definitiva a idea. Estou de acordo. Parécese moito a un aforismo de Bresson: "Nesta linguaxe de imaxes hai que perder por completo a noción de imaxe. Que as imaxes exclúan a idea de imaxe".

 

Paris#1. Godard dicía que "unha imaxe non é forte por ser brutal ou fantástica senón pola asociación de ideas que produce coa imaxe que lle sucede"…

Si, Bresson dicía tamén: "Non corras tras a poesía, ela soamente penetra polas xunturas (elipses)". Cando estábamos a rodar París # 1 e a discutir sobre a forma que estaba a tomar o proxecto, Vicente Vázquez fíxome un interesante simil desta idea cos aneis dos Xogos Olímpicos. Díxome que a significación profunda do traballo tiña que vir nas interseccións dos cinco aneis, neses pequenos espazos que se tocan. Mais o que verdadeiramente me interesa desta imaxe é sobre todo o feito de que logo os teus aneis poden ter a cor que queiras, non tes porque facer gradacións nin nada. Paris # 1 aparecen moi diferentes miradas: hai un pouco de cinéma verité, un pouco de documental observacional, ficción, cine etnolóxico, slapstick, fotografía… Non teñen nada que ver unhas escenas coas outras neste aspecto ou no relativo a unha concatenación causal ou espazo-temporal, mais si que hai unha vertebración profunda. Por qué? O sentimento que hai detrás da cámara concatena as escenas? Non sei se é así. Pode que para moitos no fondo non existan estas interseccións e que Paris#1 simplemente viva grazas precisamente á forza interna e independente das imaxes.

 

Como che gusta denominar o que fas… "Poema-ensaio" ou "filme-ensaio"?

Ensaio para nada, eu non quero dicir nada a ninguén. Procuro agochar ademais as posibles e poucas ideas que hai no meu proceso creativo.

 

Nin experimental?

Nin experimental. Se facemos unha síntese, todo proceso creativo verdadeiro é inevitablemente experimental. Sei que é unha convención mais moléstame moito. Sona a formalismo, a onanismo plástico… E non é así no meu caso, a forma á que chego está absolutamente xustificada por un contido. É unha etiqueta perigosa, reducionista. As preguntas que me fago sobre a forma cinematográfica son as contemporáneas a esta arte e ás necesidades deste tempo con respecto á imaxe. Creo que as etiquetas que verdadeiramente precisamos son as de cinema-teatro, cinema-literatura, videoclip, cinema-xornalismo…

 

Como foi a túa formación? A parte do académico os referentes artísticos creo que deixaron unha maior pegada…

O meu pai era moi afeccionado á fotografía, un moi bo paisaxista e retratista. Gustaba de velo no laboratorio no cuarto de baño. A miña formación académica serviume para construír un mapa do cinema, coñecer autores, mais nada máis. Creo que pode chegar a ser ata prexudicial para moitos, un cóctel de referentes que pode provocar perder as referencias propias. Creo isto porque doume conta de que agora mesmo estou a volver aos primeiros traballos ou a proxectos da adolescencia. No instituto tiñamos unha asignatura de EATP de imaxe e son e escribimos un guión que non puidemos finalmente filmar, mais era exactamente o mesmo que estou a facer agora. Ao final volvemos sempre a un, creo que todos temos un Tempo propio, un Tempo cinematográfico, unha relación particular coa imaxe relacionada coa nosa linguaxe persoal, que posuímos desde sempre. Mais claro, é obrigatorio cultivar o espírito, hai que darlle de comer. Gústanme moito os impresionistas: Renoir, Matisse, Degas… A figura de Vari Caramés…é clave… sobre todo cando se está a falar de miradas galegas no cinema…

 

E directores…

Si tamén hai directores… Tarkovsky, o seu sentimento eslavo, a súa condición periférica tan similar á galega, a materia prima coa que traballa… é tan familiar a nós.

 

Que tal o teu paso pola Pompeu…

Moi ben, moito rigor, seriedade, un discurso moi aberto… Mais sobre todo o que me gustou foi atoparme con profesores que amaban fortemente o seu traballo, que amaban tanto ao cinema. Non é moi frecuente noutras universidades. Destaco unha asignatura de guión con Jordá, escribín un sobre unha cacería de políticos en Galicia, discorría nos Ancares, nun porto da costa da morte e na fervenza de Ézaro. Unha comedia, titulábase Carallo có Urogallo! Un traballo lamentable, demasiado clásico, creo que Jordá me puxo boa nota polas risas que nos votábamos. El dicía que Galicia era algo diferente a todo… Sempre era invitado por un grupo de psicólogos galegos que facían unhas xornadas de conferencias ou algo así. Dicía que estes eran simplemente unha caravana de coches que ían de pobo en pobo, e que o único que facían era comer coma depravados, que iso soamente pasaba aquí. E nese contexto pasaban a súas películas claro, imaxínate a situación…

 

Ti filmaches en Barcelona, Londres, Tánxer, Galicia… Como interpretas o territorio ou que é o que te importa del?

O territorio en principio interpreteino sempre coma a guarida do inimigo... "O inferno son os Outros" dicía Sartre. Barcelona, Londres… Vivir en Marrocos axudoume a deixar de ter tanta angustia, de crear improdutivas dialécticas dentro de min. Alí dinme de conta de que eu era ou podía ser ese "Outro", o que me aliviou grandemente. Enfrontábame por fin a un espello que non deformaba a miña imaxe. A miña maneira de enfrontarme á vida, a idea que tiña dela de repente atopaban a súa correspondencia: aquela maneira de comunicarse da xente a través das miradas resultábame familiar. Sei que isto que conto é en parte unha idealización, mais esta claro que algún tipo de exorcismo fixen. En xeral como fillo de emigrantes teño o costume de vivir en diferentes sitios, polo que coñezo das vantaxes que provoca a conciencia das variacións que se dan entre eses diferentes espazos. En Tanxer estou nunha dimensión tan afastada de moitas cousas, e ao mesmo tempo tan preto da vida, que me permite ser verdadeiramente libre dentro da miña cabeza.

 

As túas primeiras obras (AS CHIMENEAS DECIDIRON ESCAPAR  e SONA A TROMPETA, AGORA VEXO OUTRA CARA ) son moi enigmáticas…

Non son as miñas primeiras obras, son as únicas que me atrevo a mostrar. Enigmáticas pode que sexan, mais non crípticas… Por exemplo na primeira non aparecen case seres humanos mais é unha obra profundamente humana, creo que iso se percibe claramente. Claro, o problema é que son dous traballos moi austeros, de baleirado, de destapar máscaras e máis máscaras. Mais si que creo que, afortunadamente, neste traballo atopei un rostro debaixo destas máscaras.

 

Como é o teu proceso creativo?

Pois difícil, porque como espectador gústanme bastantes máis cousas que coma creador… Penso que os artistas temos a necesidade instintiva de desenvolver a linguaxe que nos corresponde, isto creo que é algo clave. Non é unha simple cuestión de elite. Facer vangarda, experimentar é un feito intrínseco á creación. Eu censúroo todo cando traballo, non me gusta case nada do que filmo. Teño que sentirme verdadeiramente cómodo detrás da cámara para disparar, ten en conta que tamén filmo en soporte fotoquímico, estou obrigado a ter claro o que vou a filmar. Para París#1 filmei un total de 55 minutos, dos que 35 forman o filme, unha relación de case unha imaxe e media utilizadas por cada dúas filmadas. Isto é moi importante en termos de aprendizaxe. Obrígame a sentir ben a imaxe, a ritualizala, prohibíndome facer unha segunda toma, xa que non me chegaría o filme. Outro cousa que fago e ir montando as imaxes na cabeza mentres filmo. Analizo a forza destas e imaxino as diferentes combinacións plásticas ou conceptuais que poden darse entre as diferentes pezas que filmo. Compoñer así é moi divertido, mais repito, as imaxes teñen que aparecer e moitas veces dubidas de que o fagan. É normal.

 

Cales son os teus proxectos de futuro?

Pois afianzar Dao byed, a plataforma de creación cinematográfica que estou montando en Tánxer, na que temos que facer moitos filmes (http://daobyed.wordpress.com/). Ao mesmo tempo estou empezando a preparar a que será a miña primeira longametraxe, que filmarei tamén aquí. É un proxecto máis persoal, en clave de ficción no que incluso vou a actuar. Algún día gustaríame rematar en Galicia o tríptico iniciado con Paris#1, filmar Santos # 2 e Berna # 3. Quero que o meu traballo en Galicia sexa sempre diferente ao realizado noutros sitios. Vai a ser inevitablemente máis íntimo e polo tanto radical. Quero filmar aquí como se fose un laboratorio persoal de forma cinematográfica. Galicia xa é en si unha reinterpretación da modernidade, vangarda dende un punto de vista poético, polo tanto un sitio perfecto para reinterpretar tamén o cinema.


Pódese facer filmes con tanta facilidade?

Quen senta necesidade de facer filmes pode facelos. Priorizará, fará todos os sacrificios que precise para elo, para que esa necesidade non se volva na súa contra. Se non os fai é porque pode que non precise facelos, que no lle de máis voltas. Que se acepte. Non hai escusas para non facer filmes, de ningún tipo.


Finalizamos coa contundencia deste axioma no que cineasta reta a posibilidade do imposíbel, a facer as cousas doutra maneira, a arriscar nas propostas, a buscar outras plusvalías, a materializar desexos... A conversa podería dar para máis, é certo, quizais noutra ocasión… O sol asoma pola fiestra alumeando rostros durmidos...


Xurxo González Rodríguez

Oliver Laxe

  •  

Comentarios

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade