O documental ´Lobos Sucios´ representará a Galicia no Tribeca Film Festival de Nova Iorque

24-03-2008 

O próximo 5 de maio proxectarase o filme documental "Lobos sucios" na clausura do Tribeca Film Festival de Nova Iorque, considerado un dos mellores do mundo. "Lobos Sucios" recolle as historias do estraperlo de wólfram durante a II Guerra Mundial nas minas de Casaio e do maquis andaluz, Miguel Cardeñas. O escritor Manuel Rivas colabora na curtametraxe.

Fundado polo prestixioso actor Robert de Niro tralo 11 de setembro, o Festival de Tribeca está considerado como un dos mellores do mundo. Nesta edición participan traballos de 31 países do mundo. Na categoría de exhibición será proxectado no TRIBECA CENTER o documental Lobos Sucios do xove director valdeorrés Felipe Rodríguez Lameiro despois de ser considerado de grande interese a orixinalidade da historia, así como as tres tramas que compoñen a cinta. Felipe Rodríguez contou na dirección con Belén González Blanco (ex compoñente do grupo Greta y los Garbo) e Silvia Balanza (xornalista do canle de televisión Telecinco).

 

Wolf-ram = "lobo sucio".
Con este xogo de verbas, o documental adéntrase na apaixoante historia do estraperlo de wolfram que, durante a II Guerra Mundial, tivo lugar nos montes de Casaio. Tal e como explica o realizador valdeorrés «con este documental queremos contar unha historia que foi moi importante e, con todo, para moitos resulta descoñecida. Ademais, gustaríanos transmitir a mensaxe da necesidade de coñecer o noso pasado para non caer nos mesmos erros e esquecer os odios para mirar ao futuro».

 

A HISTORIA
Lobos Sucios é a historia dunha época na que nazis e aliados libraban unha singular batalla na Galicia do interior en plena II Guerra Mundial. É a revolución mineira do wólfram que se descobre a partir do desenterro dun corpo, do desenterro da memoria e do desenterro dunha lenda…

O relato comeza coa exhumación dos restos do maquis andaluz Miguel Cardeñas, coñecido pola súa fuga da prisión das minas explotadas polos alemanes. Dende ese punto de partida, a viaxe conduce ao espectador ata a chamada "Cidade dos alemanes" en plenos montes ourensáns, onde se situaban as minas.

A importancia do mineral atraía ata estas terras a espías do bando aliado que, para debilitar ós nazis, mercaban ós estraperlistas o mineral a un prezo moi elevado, dando comenzo á unha fevre polo ouro negro que invadiu toda a rexión.

 

COLABORACIÓNS DE LUXO
O escritor Manuel Rivas colabora na cinta aportando o seu punto de vista literario. Ademáis, participa como colaborador coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica xunto co vicepresidente de dita asociación, Santiago Macías e o neto do maquis andaluz, Miguel Ángel Cardeñas.

Tamén aparecen o prestixioso historiador valdeorrés Isidro García Tato i Eva Abal Terrón, neta do que fora mestro en Casaio, Don Tomás Terrón Mendaña, así como mineiros e traballadores que estiveron nas minas.

LOBOS SUCIOS  tivo unha axuda da Conselleraría de Cultura e Deporte na convocatoria do 2006. Nestes dias pódese ver no programa Documentarios galegos 1, dentro da programación de Cinemas dixitais en 35 concellos galegos

Tribeca Film Festival (25/04)

  •  

Comentarios

ana - 24-03-2008 - 19:29:53h

noraboa pipe!!

valdeorras reivindícase de novo como un gran escenario para historias que semellan pequenas pero que con miradas como a de felipe, fanse xigantescas.

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade