´O cazador´, de Ángel Santos, ateigou o Teatro Principal de Pontevedra na súa estrea

16-01-2009 

O ambiente era o das grandes ocasións. Facía tempo que a cidade do Lérez non acollía e desfrutaba da estrea dun filme. Mais este non era un filme calquera. A néboa fixo acto de presenza, mais non pudo co esplendor que acolleu o ecrán do Teatro Principal de Pontevedra cando quedou iluminada pol´O CAZADOR, de Ángel Santos.

Hai momentos que se saben de ante man que pasarán a ter a etiqueta de irrepetibles. A expectación na cidade era máxima. Durante toda a semana tanto os medios locales como galegos déronse eco da estrea d´O cazador, un dos mellores filmes que pasará para a posteriadade na recente historia do audiovisual galego.

A néboa acolleu aos pontevedreses e visitantes aos que non lle intimidou o frío nin a súbida da AP-9. A fachada do Teatro Principal parecía satisfeita de recobrar esplendores de antaño. Pouco a pouco as butacas fóronse enchendo…

Non había nerviosismo, había un ambiente de satisfación derivado do traballo ben feito. Non había lugar a dúbidas, nin a euforias, nin a temores. O audiovisual galego nunca alcanzou unha placidez tan esperanzadora.

Ao escenario subiron a presentala Daniel Froiz, o produtor (Matriuska Producións), os seus actores (Marta Pazos e Lois Soaxe) e, finalmente, o seu director, Ángel Santos. Despois da proxección os correspondentes aplausos, calurosos mais sen estridencias. O cazador, por fín, atopaba acougo tras as súas ingratas xeiras polos montes cheos de toxos e silveiros.

Un acontecemento total! Para a posteridade -por pouco frecuente-, ficarán un auditorio, unha cidade e un audiovisual rendido a calidade artística dun filme.

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade