EFEMÉRIDE: O espíritu de Chano Piñeiro

21-03-2007 

A Axencia Audiovisual Galega quere render unha homenaxe a un dos piares fundamentais do actual audiovisual galego: Chano Piñeiro. O director de Forcarei morreu tal día como hoxe no ano 1995 tras padecer unha longa enfermidade. Pasada unha ducia de anos convén facer unha reflexión sobre o seu legado.

Fai uns meses a figura de Chano Piñeiro volveu saír a luz pública por dous motivos diferentes, por unha banda pola restauración das súas primeiras curtametraxes e, por outra, porque se institucionalizou, por primeira vez, o Premio Chano Piñeiro. Estas dúas perspectivas falan como este director converteuse na figura referencial do audiovisual dos nosos días. Mais imos ser sinceros, Chano non está entre nós pola lembranza da súa obra que é máis ben desigual, senón polo alento como ser humano que impregnou a institución cinematográfica galega.

A súa paixón polo cinema, esa obstinación polo que lle gustaba facer, foi o máis sobranceiro da súa carreira. Esa pulsión creativa e confiada foi quen de transmitila a unha xeración. Un grupo de persoas que foron quen de botar para diante o audiovisual galego que hoxeendía intenta consolidarse. Chano foi a semente, Chano foi a enerxía primixenia da terra, Chano foi a buxía que acendeu o motor do coche, Chano foi a áurea que alentou aos creadores, Chano foi a crenza de que si se podía facer cine en Galicia e en Galego. Así, un día chegou a soster sen ningún tipo de dúbidas: "Facer cine en Galicia é posíbel. Facer cinema en Galicia é necesario".

Con él comezouse a crer que o cinema galego era posíbel, que era necesario o cinema para construír un país cun imaxinario reflectido en imaxes en movemento. Todos os galegos temos gravado na nosa memoria o primeiro plano de Sunción Ogando, a vella que deu vida a Mamasunción (1984). Antes desta cimera do audiovisual galego disfrutamos da liberdade creadora d´Os paxaros tamén morren no aire (1977) e Eu, o tolo (1978-1982). Despois seguimos as andanzas de Sempre Xonxa (1989), o preludio en cómo Chano, como un Don Quixote moderno, loitou contra os muíños de vento, contra as trabas dunha industria cinematográfica moi enferruxada e cativa. Só resta preguntarse que sería agora de Chano Piñeiro cos medios e coas condicións de produción actuais?

Lembramos hoxe a un cineasta que creu nun medio e nun país. Unha confianza que se está a disipar coa néboa do paso do tempo. Por iso, máis que nunca, haberá que volver a facer unha chamada ao espírito de Chano, actualizar ó seu exemplo e, o máis importante, eliminar todos os filtros que intentan, de maneira desafortunada, desvirtuar o seu legado.

    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade