É un documental no que fala a mocidade galega e por que? Perviven os estereotipos que marcan os falantes de galego ou de castelán? Existe conflito por culpa da lingua? Que lle falta ao galego para estar normalizado? Que futuro lle espera? Linguas cruzadas é un documental de 50’ que afonda na cuestión sociolingüística a través da xente nova, da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial.
Xente de menos de 30 anos que creceu aprendendo galego na escola e escoitándoo na TVG e na RG.Co convencemento de que as experiencias e opinións desta xeración son clave para entender o estado actual da lingua e os retos para o futuro, o documental recolle as opinións de máis de 35 persoas, centrándonos en 5 personaxes que representan outros tantos paradigmas de falantes na mocidade actual.
Comezamos a nosa viaxe con María, unha moza de Castro de Rei que estuda no instituto da Terra Cha, onde todos os mozos e mozas falan galego e se senten orgullosos de falalo.
Son a xeración dos resistentes, os que teñen claro que nunca cambiarán de idioma nin entende a xente que o fial. Xa non teñen a vergonza de falar o galego como tiñan seus pais. A seguinte parada é na Coruña, onde atopamos con falantes de castelán de segunda e terceira xeración, como Roli.
Eles nunca falan galego, aínda que o saben falar e o aprenderon na escola, porque din que non teñen referentes en galego no seu entorno. Seus pais e incluso seus avós xa son castelanfalantes, aínda que en moitos casos os pais falan en galego entre eles e decidiron educar a seus fillos en castelán.Pero tamén hai xente, como Fer, que vindo de ambientes castelanfalantes decidiu cambiarse ao galego.
Moitos deles fano ao chegar a Santiago, cidade universitaria que acolle xente de todas partes de Galicia, e cóntanos o proceso que os levou a converterse en neofalantes e as dificultades que teñen que sortear. Outros lugares clave onde se está perdendo a lingua entre a mocidade son as vilas. Alí a xente comeza a falar en castelán para non parecer “do monte”, como un xeito de integración social. Aquí os mozos aprenden a falar galego na casa pero en moitos casos pérdeno ao escolarizarse en castelán, como é o caso de Andrés.
Achegámonos a Bueu para coñecer este proceso a través dos xogadores do equipo xuvenil de balonmán. Por último, hai xente de fóra que non está condicionada polos factores sociais anteriores pero que chega a Galicia con ganas de aprender galego e teno difícil porque non o adoita escoitar na rúa. Visitamos os participantes do voluntariado pola lingua e centrámonos no caso de Lilian, unha coreana de 21 anos que leva seis meses vivindo aquí e dous aprendendo a falar galego. A
través destes protagonistas e dos seus amigos, veciños e compañeiros, Linguas cruzadas fai un retrato instantáneo da mocidade galega do 2007 dende o punto de vista sociolingüístico. Para poñerlle son, e porque moitos dos entrevistados coinciden en botar en falta máis música en galego, acudimos a tres dos grupos pop máis importantes neste momento, 6PM, Nadadora e The Homens, que tamén nos contaron en que falan, en que idioma fan as súas letras e por que
Foi gravado no mes de marzo do 2007 en Castro de Rei, A Coruña, Bueu e Santiago de Compostela.
ObservaciónsCoa axuda da Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Política Lingüística